Os gastos de funcionamento dos colexios son claramente insuficientes. Curso a curso increméntanse as necesidades e os recursos vanse reducindo.
Os gastos de mantemento do equipamento informático, a redución das cantidades asignadas nun 6% hai dous cursos e a conxelación no pasado ano son algunhas das causas. Pero o factor que máis incide son os gastos de gasóleo das calefaccións.
Desde que nos obrigaron a facernos cargo dos gastos de calefacción, o prezo do combustible aumentou ata case duplicar o prezo sen que as cantidades asignadas pola Consellería se vaian actualizando. Esta situación fai que para manter a calefacción nos colexios hai que reducir as partidas que destinamos ao funcionamento dos mesmos.
Na última reunión da FEGADICEP, que tivo lugar o 29 de febreiro de 2012, acordamos realizar unha enquisa, dirixida fundamentalmente aos centros infantil e primaria, para a que agradecemos a vosa colaboración.
O noso obxectivo é coñecer a situación real dos centros no que respecta aos gastos de funcionamento. Cando rematemos faremos públicos os resultados e demandaremos medidas para corrixir esta situación.
Se queredes colaborar neste estudio cubride o seguinte cuestionario en liña.